26 de Setembro de 2012

Publicación de GNOME 3.6: 100% traducido ao galego

De novo o Proxecto GNOME comprácese en presentar a nova versión de GNOME, a 3.6. Esta última actualización de GNOME 3 representa 6 meses de duro traballo do Proxecto GNOME.

Como xa ven sendo costume o grupo de tradución de GNOME ao galego traballou duro para ter a esta nova versión completamente traducida ao Galego, pero ademais coa sorpresa de contar coa documentación base traducida ao Galego. Desta forma complétase a experiencia de GNOME en Galego por tódolos recunchos. Calquera dúbida que teña un usuario no uso de GNOME poderáo consultar no seu propio idioma.

Desde a última versión , 3.4, aproximadamente 980 persoas fixeron 31500 cambios a GNOME. Das cales perto de 700 son contribucións do grupo de tradución de Galego. Calquera pode involucrarse en GNOME para axudarnos a mellorar o noso software. Se está interesado en traballar en GNOME, pode unirse.

Que hai de novo en GNOME 3.6

GNOME 3.6 ven completo de melloras na interface de usuario. Conta con un gran número de novas funcionalidades, incluíndo a renovada Vista xeral de Actividades, así como melloras na compatibilidade da Accesibilidade e a integración de orixes de entrada para usar diferentes idiomas. Tamén incorpora outras pequenas melloras. En conxunto, todos estes cambios melloran GNOME 3 máis que nunca.

Entre as melloras poderíamos destacar:

  • Bloqueo da pantalla: a nova pantalla de bloqueo é simplemente incríbel. Desde ela pódese ver o que está pasando dentro do noso computador: ver o número de mensaxes pendentes, deter a música, saltar cancións…
  • Vista xeral de actividades: a vista xeral de actividades recolleu moitas melloras de interacción, facéndoa máis centrada no que o usuario quere.
  • Novos servizos de contas en liña: engadíronse novos servizos para integrar co noso escritorio. Posibilidade de configuración automática de Windows Live, o que inclúe correo e documentos de SkyDrive o que lle permite acceder aos documentos deste servizo mediante Documentos como xa viña facéndoo coa súa conta de Google. Ademais integrouse o servizo de autenticación centralizada Kerberos, moi útil para ambientes corporativos (como grandes empresas ou universidades).
  • Nova bandexa de mensaxes: segundo os comentarios e os problemas que remitiron os usuarios, redefiniuse a interacción coa bandexa de mensaxes agora máis intelixente e cun novo xeito de mostrala.
  • Acceso universal: agora a accesibilidade está activada por omisión co que as persoas con calquera deficiencia poderán empregar o seu computador desde o minuto un.
  • E moitas outras máis
Se quere ver unha lista máis detallada das novidades de GNOME olle as notas de publicación (tamén en galego),

Novidades na tradución ao Galego

Estes últimos meses estiveron completos de traballo para no lado do noso grupo de traballo xa que nesta versión hai moitas melloras. Ao inicio deste ciclo, en marzo deste ano, puxémonos como meta ser o primeiro ambiente de escritorio libre en galego que tivera ademais documentación para os seus usuarios en galego. E por outra banda mellorar a calidade das traducións xa feitas. Xa que postos ao traballo así chegaron os froitos:

  • Revisión completa dos aplicativos de GNOME:  temos que darlle as grazas a Leandro Regueiro que armado de pacencia, tesón e boas ferramentas revisou unha revisión completa e profunda dos principais aplicativos de GNOME en galego. Desta forma GNOME agora cumpre cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno Foron máis de 3 semanas revisando de forma altruista o noso ambiente de escritorio.
  • Tradución da documentación base: logo de varios meses de traballo sobre o que os nosos integrantes chaman “a peor parte para traducir”, Fran Diéguez traduciu a documentación base formadas por máis de 65000 palabras para traducir. Polo que agora os usuarios do ambiente de escritorio poderán consultar a axuda no idioma galego.
Como comentábamos anteriormente a tradución dos aplicativos que forman GNOME 3.6 requiriu perto de 700 cambios nos repositorios de GNOME, estándo en varias semanas entre os primeiros no número de contribucións a GNOME.
Darlle especial mención a tódolos contribuidores puntuais e principantes que seguen a mostrar que a tradución de GNOME foi e seguirá sendo traballo de moitos.

Obter o último GNOME

O código fonte de GNOME 3.6 está dispoñíbel gratuitamente para descargar e redistribuír, aínda que para a maioría de usuarios é aconsellábel agardar ata que GNOME 3.6 estea dispoñíbel a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus fornecedores. Con todo na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.


2 respostas a

  1. […] Para máis información visitade: o sitio web do grupo de tradución de GNOME ao galego […]

  2. […] Para máis información visitade: o sitio web do grupo de tradución de GNOME ao galego […]

A %d blogueros les gusta esto: