23 de Marzo de 2016

Publicamos o novo GNOME 3.20 en galego

O Proxecto GNOME comprácese en presentar a nova versión de GNOME, a 3.20, completamente traducido ao galego. Esta nova publicación ven cargada de novidades no software e tamén dun gran traballo de tradución, xa que mantemos o nivel de tradución da interface no 100%.

GNOME 3.20 é a última versión de GNOME 3, resultado de 6 meses de duro traballo da comunidade de GNOME. Contén importantes características novas, así como de pequenas melloras e arranxos de erros. En total, esta publicación incorpora 28933 cambios realizados por 837 contribuidores aproximadamente.

Que hai de novo en GNOME 3.20

GNOME 20 continúa o traballo das publicacións anteriores, coa mellora e inclusión de novos aplicativos, que conforman un ambiente de escritorio integrado e coherente no seu conxunto, facendo o seu uso máis doado e intuitivo.

Entre as melloras poderíamos destacar:

  • Anotación do seu sistema operativo sen esforzo: Xa era posíbel instalar actualizacións de software mediante o aplicativo Software. Porén, desde 3.20 tamén é posíbel anovar a versións maiores do seu sistema operativo. Esta é a primeira vez que GNOME ten esta habilidade o que significa que non precisará realizar unha nova instalación ou usar unha ferramenta de liña de ordes para obter a seguinte versión da súa distribución. Isto é un fito moi importante en aras de facer os sistemas baseados en GNOME máis amigábeis e accesíbeis para todos os usuarios.
    os-upgrades
  • Edición de fotos simple e doada: Con 3.20 chegou a edición a Fotos. Os novos controles de edición son máis simples e doados de usar, ademais a edición non é destrutiva, deste xeito gardarase a súa foto orixinal e poderá desfacer os cambios. Entre as funcións de edición están o recorte, rotación, axuste de cor e mellorado de fotografías. Tamén conta con unha selección de filtros artísticos.
    photo-editing
  • Coñeza todo os atallos: As xanelas de atallos son unha nova forma de obter información sobre os atallos nos aplicativos GNOME. Cada xanela de atallos mostra os atallos de teclado e xestos multitáctiles (como nas áreas táctiles) para un aplicativo, así como as súas funcións correspondentes. Os grupos e páxinas axudan coa navegación e a busca permítelle atopar os atallos específicos que podería estar buscando.
  • Aplicativo «Ficheiros» máis pulido: O aplicativo Ficheiros obtivo un gran pulido en 3.20. A busca mellorouse especialmente: os filtros de busca foron mellorados e son moito máis simples e doados de usar que a versión anterior. Tamén se fixo a busca máis robusta: solucionáronse os problemas de rendemento, e a interface é máis rápida e máis adaptábel.
    files-search
  • Ademáis da inclusión de opinións de aplicativos en Software e da incríbel tecnoloxía xdg-app, melloras en rendemento e seguranza de WebKitGTK+, engadidos de interface de Polari, mellor control da privacidade no uso dos servizos de localización e o pulido da integración coa tecnoloxía de seguinte xeración Wayland, que xa pode ser usada no día a día sen maiores problemas.
Se quere ver unha lista máis detallada das novidades de GNOME olle as notas de publicación (tamén en galego),

Novidades na tradución ao Galego

Este ciclo supuxo unha continuación do traballo iniciado na anterior publicación.

  • Tradución dos aplicativos de GNOME:  Como sempre mantemos o nivel de tradución da interface de GNOME ao galego no 100%, incluíndo os novos aplicativos presentados nesta publicación, todos cumprindo cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno.
  • Tradución da documentación base: Dado os escasos recursos dos que dispomos no grupo, non puidemos revisar nin actualizar a documentación base dos aplicativos. Neste senso, se queres axudarnos revisa a seguinte sección «Axuda» para poñerte en contacto connosco

Como obter o último GNOME

O código fonte de GNOME 3.20 está dispoñíbel gratuitamente para descargar e redistribuír, aínda que para a maioría de usuarios é aconsellábel agardar ata que GNOME 3.20 estea dispoñíbel a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus fornecedores. Con todo, na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.

Axuda

Se está interesado en axudarnos a facer GNOME mellor, calquera pode involucrarse en GNOME para axudarnos a mellorar o noso software.


Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: