21 de Setembro de 2016

Publicamos o novo GNOME 3.22 en galego

O Proxecto GNOME comprácese en presentar a nova versión de GNOME, a 3.22, completamente traducido ao galego polo noso Grupo de traducion de GNOME ao galego. Esta nova publicación ven cargada de novidades no software e tamén dun gran traballo de tradución, xa que mantemos o nivel de tradución da interface no 100%.

GNOME 3.22 é a última versión de GNOME 3, resultado de 6 meses de duro traballo da comunidade de GNOME. Contén importantes características novas, así como de pequenas melloras e arranxos de erros. En total, esta publicación incorpora 22980 cambios realizados por 775 contribuidores aproximadamente.

Que hai de novo en GNOME 3.22

GNOME 3.22 continúa o traballo das publicacións anteriores, coa mellora e inclusión de novos aplicativos, que conforman un ambiente de escritorio integrado e coherente no seu conxunto, facendo o seu uso máis doado e intuitivo.

Entre as melloras poderíamos destacar:

  • Integración con Flatpak: Flatpak é un novo sistema de distribución de aplicativos para Linux. Esta tecnoloxía tenta facer máis doado distrubuír aplicativos para Linux. Ademáis, os aplicativos Flatpak son máis seguros e poden actualizarse de forma segura sen ter que reiniciar. GNOME 3.22 incorpora no seu aplicativo «Software» a posibilidade de instalar ficheiros de repositorio Flatpak, e tamén introduce ferramentas de desenvolvemento que lle permite aos aplicativos aproveitar completamente as características de seguranza de Flatpak.flatpak-integration

  • Aplicativo «Ficheiros» mellorado: O aplicativos «Ficheiros» agora permite renomear varios ficheiros á vez. Isto é extremadamente útil ao xestionar coleccións de ficheiros similares, como vídeos, música ou fotos. recibiu melloras solicitadas polos usuarios. E por outro lado integrouse a funcionalidade de ficheiros comprimidos, polo que poderá extraer un ficheiro comprimido (como ficheiros .zip ou .tar.gz) facendo dobre clic, no lugar de usar un aplicativo independente. Por último realizáronse axustes na interface nos controles de visualización e ordenación de contidos.
    files-batchrenaming
  • Compartir fotos: incorporouse a habilidade para compartir fotos con outras persoas. Esta nova característica permítelle compartir fotos subíndoas a Google, ou enviándoas como anexos dun correo electrónico. No futuro engadiranse máis destinos, incluíndo redes sociais. A compartición de «Fotos» está completamente integrada con Contas en liña, polo que para subir a Google é preciso engadir unha conta de Google no aplicativo «Preferencias».
  • «Software» mellorado: O aplicativo «Software» conta con unha aparencia actualizada para GNOME 3.22. A páxina e inicio foi repensada e agora mostra máis teselas de aplicativos e unha sección de categorías que fai a navegacion unha parte integral da experiencia. As puntuacións con estrelas que se mostran agora son máis prominentes para facer máis doado atopar os mellores aplicativos que instalar.
    software
  • Ademáis mellorouse a integración coa tecnoloxía Wayland, completando a maioría das características que faltaban; mellorouse o panel de preferencias de teclado; melloras de interface no editor de configuración dConf, entre outras.
Se quere ver unha lista máis detallada das novidades de GNOME olle as notas de publicación (tamén en galego),

Novidades na tradución ao Galego

Este ciclo supuxo unha continuación do traballo iniciado na anterior publicación.

  • Tradución dos aplicativos de GNOME:  Como sempre mantemos o nivel de tradución da interface de GNOME ao galego no 100%, incluíndo os novos aplicativos presentados nesta publicación, todos cumprindo cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno. Entre os
  • Tradución da documentación base: Dado os escasos recursos dos que dispomos no grupo, non puidemos revisar nin actualizar a documentación base dos aplicativos. Neste senso, nos vindeiros meses comezaremos un proxecto, ao que estades convidados a axudar, polo que tentaremos revisar e completar modulos da documentación que máis útil lle resule ao usuario (primeiros pasos, axuda do escritorio, axuda do explorador de ficheiros, …).

Como obter o último GNOME

O código fonte de GNOME 3.22 está dispoñíbel gratuitamente para descargar e redistribuír, aínda que para a maioría de usuarios é aconsellábel agardar ata que GNOME 3.22 estea dispoñíbel a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus fornecedores. Con todo, na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.

Axuda

Se está interesado en axudarnos a facer GNOME mellor, calquera pode involucrarse en GNOME para axudarnos a mellorar o noso software.


Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: