22 de Marzo de 2017

Publicamos o novo GNOME 3.24 en galego

O Proxecto GNOME comprácese en presentar a nova versión de GNOME, a 3.24, completamente traducido ao galego polo noso Grupo de traducion de GNOME ao galego. Esta nova publicación ven cargada de novidades no software e tamén dun gran traballo de tradución, xa que mantemos o nivel de tradución da interface no 100%.

GNOME 3.24 é a última versión de GNOME 3, resultado de 6 meses de duro traballo da comunidade de GNOME. Contén importantes características novas, así como de pequenas melloras e arranxos de erros. En total, esta publicación incorpora 28459 cambios realizados por 753 contribuidores aproximadamente.

Que hai de novo en GNOME 3.24

GNOME 3.24 continúa o traballo das publicacións anteriores, coa mellora e inclusión de novos aplicativos, que conforman un ambiente de escritorio integrado e coherente no seu conxunto, facendo o seu uso máis doado e intuitivo.

Entre as melloras poderíamos destacar:

  • «Luz nocturna»: «Luz nocturna» é unha nova característica que cambia a cor da súa pantalla en función da hora do día. Fai que a cor da pantalla sexa máis cálida pola noite, o que axuda a evitar insomnio e fatiga ocular. Ademais funciona tanto en X11 como en Wayland.


  • Preferencias renovadas: refinouse a interface e mellorouse a funcionalidade existente de tres áreas do aplicativo Preferencias: Contas en liña, Impresoras e Usuarios.
    A configuración de impresoras ten unha mellor presentación, mostrando a localización e o nivel de tinta en cada unha das súas impresoras sen necesidade de investigar. As contas en liña teñen unha distribución máis clara e fan un bo traballo mostrando qué contas están dispoñíbeis para configurar. Usuarios ten un carrusel novo e unha distribución mellorada.
  • Navegador web mellorado: Web, o navegador web, obtivo numerosas melloras para GNOME 3.24. unha nova barra de enderezos que resolve un importante número de fallos de usabilidade do anterior deseño, e un novo panel emerxente mostra a lista das lapelas abertas, facendo máis doado navegar entre un gran número de páxinas abertas. Ademais de integrar ferramentas para mellorar a xestión da privadade do usuario.
  • Melloras en tabletas gráficas Wacom: A compatibilidade de GNOME coas tabletas gráficas Wacom obtivo importantes melloras para 3.24. Para realzar, a xestión das preferencias de Wacom agora é compatíbel con Wayland, o que significa que os usuarios de Wacom xa non terán escusa para non cambiar de X11.
  • Un novo aplicativo de Receitas, melloras na integración con Flatpak, compatibilidade con dúas tarxetas gráficas, melloras no renderizado de tipos de letras, iconas en calidade superior e redeseño nalgunha delas, melloras nos aplicativos Calculadora e Calenario, entre moitas outras…
Se quere ver unha lista máis detallada das novidades de GNOME olle as notas de publicación (tamén en galego),

Novidades na tradución ao Galego

Este ciclo supuxo unha continuación do traballo iniciado na anterior publicación.

  • Tradución dos aplicativos de GNOME:  Como sempre mantemos o nivel de tradución da interface de GNOME ao galego no 100%, incluíndo os novos aplicativos presentados nesta publicación, todos cumprindo cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno.
  • Tradución da documentación base: Dado os escasos recursos dos que dispomos no grupo, non puidemos revisar nin actualizar a documentación base dos aplicativos. Se estades interesados, estades convidados a axudar para traducir, revisar e completar modulos da documentación que máis útil lle resulte ao usuario.

Como obter o último GNOME

O código fonte de GNOME 3.24 está dispoñíbel gratuitamente para descargar e redistribuír, aínda que para a maioría de usuarios é aconsellábel agardar ata que GNOME 3.24 estea dispoñíbel a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus fornecedores. Con todo, na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.

Colabora connosco

Se está interesado en axudarnos a facer GNOME mellor, calquera pode involucrarse en GNOME para axudarnos a mellorar o noso software.


Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: