5 de Setembro de 2018

Publicamos o novo GNOME 3.30 en galego

O Proxecto GNOME comprácese en presentar a nova versión de GNOME, a 3.30, completamente traducido ao galego polo noso Grupo de traducion de GNOME ao galego. Esta nova publicación ven cargada de novidades no software e tamén dun gran traballo de tradución, xa que mantemos o nivel de tradución da interface no 100%.

GNOME 3.30 é a última versión de GNOME 3, resultado de 6 meses de duro traballo da comunidade de GNOME. Contén importantes características novas, así como de pequenas melloras e arranxos de erros. En total, esta publicación incorpora 28459 cambios realizados por 753 contribuidores aproximadamente.

Que hai de novo en GNOME 3.30?

GNOME 3.30 continúa o traballo das publicacións anteriores, coa mellora e inclusión de novos aplicativos, que conforman un ambiente de escritorio integrado e coherente no seu conxunto, facendo o seu uso máis doado e intuitivo.

Entre as melloras poderíamos destacar:

Rendemento do escritorio mellorado

Engadíronse importantes melloras de rendemento a GNOME 3.30. O escritorio completo agora usa menos recursos de memoria, o cal significa que pode executar máis aplicativos á vez sen atopar problemas de rendemento.

Actualización de Flatpaks automática

Software, o xestor de software de GNOME, agora pode instalar actualizacións automaticamente para os Flatpak. Flatpak é unha tecnoloxía emerxente que permite obter aplicativos de forma segura e rápida. Moitos aplicativos están xa dispoñíbeis en Flathub, un repositorio de Flatpaks seleccionados. Simplemente active esta opción para actualizar Flatpaks, e Software asegurarase de que conta cos últimos Flatpaks todo o tempo.

Novo aplicativo de Podcasts

GNOME 3.30 introduce un novo aplicativo de podcasts chamado PodcastsPodcasts permítelle subscribirse e escoitar os seus podcasts favoritos directamente desde o seu escritorio. Comezar con Podcasts é moi doado, permitíndolle importalos desde outros dispositivos.

Se quere ver unha lista máis detallada das novidades de GNOME olle as notas de publicación (tamén en galego).

Novidades na tradución ao Galego

Este ciclo supuxo unha continuación do traballo iniciado na anterior publicación.

  • Tradución dos aplicativos de GNOME:  Como sempre mantemos o nivel de tradución da interface de GNOME ao galego no 100%, incluíndo os novos aplicativos presentados nesta publicación, todos cumprindo cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno.
  • Tradución da documentación base: Nesta publicación mantemos o 40% da documentación de usuario.

Como obter o último GNOME

O código fonte de GNOME 3.30 está dispoñíbel gratuitamente para descargar e redistribuír, aínda que para a maioría de usuarios é aconsellábel agardar ata que GNOME 3.30 estea dispoñíbel a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus fornecedores. Con todo, na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.

Colabora connosco

Alén do traballo realizado, reiteramos que precisamos axuda no grupo para poder completar máis aplicativos e documentación dos mesmos. Máis agora que a famosa distribución Ubuntu emprega o escritorio GNOME. O cal signifca que agora GNOME conta con unha visibilidade máis importante e precisamos que este escritorio brille como se merece en Galego: traducido ao 100%, sen grallas e con unha tradución consistente.

Se está interesado en axudarnos en calquera das tarefas do grupo a facer GNOME mellor, calquera pode involucrarse en GNOME para axudarnos a mellorar o noso software.

Axudanos a facer GNOME en Galego mellor


A %d blogueros les gusta esto: