14 de Marzo de 2019

Publicamos o novo GNOME 3.32 en galego

O Proxecto GNOME comprácese en presentar a nova versión de GNOME, a 3.32, completamente traducido ao galego polo noso Grupo de traducion de GNOME ao galego. Esta nova publicación ven cargada de novidades no software e tamén dun gran traballo de tradución, xa que mantemos o nivel de tradución da interface no 100%.

GNOME 3.32 é a última versión de GNOME 3, resultado de 6 meses de duro traballo da comunidade de GNOME. Contén importantes características novas, así como de pequenas melloras e arranxos de erros.En total, esta publicación incorpora 26438 cambios realizados por 798 contribuidores aproximadamente.

Que hai de novo en GNOME 3.32?

GNOME 3.32 continúa o traballo das publicacións anteriores, coa mellora dos aplicativos e importantes melloras de rendemento no escritorio, que conforman un ambiente de escritorio integrado e coherente no seu conxunto, facendo o seu uso máis doado e intuitivo.

Entre as melloras poderíamos destacar:

Nova aparencia das xanelas e novas iconas

GNOME 3.32 conta con un estilo visual actualizado, incluíndo a interface de usuario, as icnoas e o escritorio en si mesmo. A interface de usuario é xeramente máis vibrante, usando unha paleta de cores máis rica que a anterior. Os botóns e interruptores tamén se melloraron, gandolles unha apariencia máis moderna.

Os aplicativos de GNOME en 3.32 tamén contan co iconas modernizadas! Usando a mesma paleta de cores que a interface de usuario as iconas de aplicativo foron redeseñadas por completo.

Escalado fraccional

O escalado fraccionado, unha mellora solicitada frecuentemente, está dispoñíbel como opción experimental. Inclúe varios valores fraccionados con unha boa calidade de visión en calquera pantalla. Esta característica representa unha gran mellora para o escritorio GNOME. Considérase experimental, polo que é preciso engadir manualmente scale-monitor-framebuffer á chave de gsettigns org.gnome.mutter.experimental-features. Unha vez activado, os valores de escalado fraccionados estarán dispoñíbeis no panel Pantalla de Configuración.”

Preferencias

Configuración inclúe un panel novo chamado «Permisos de aplicativos». Este panel mostra recursos e permisos para varios aplicativos. Ofréceselle aos usuarios a posibilidade de conceder certos recursos cando o aplicativo o solicita.

As Preferencias de son foron redeseñadas para admitir a disposición vertical e unha localización máis intuitiva das opcións.

A temperatura da cor da luz nocturna pódese axustar para que sexa máis cálida ou máis fría.

Se quere ver unha lista máis detallada das novidades de GNOME olle as notas de publicación (tamén en galego).

Novidades na tradución ao Galego

Este ciclo supuxo unha continuación do traballo iniciado na anterior publicación.

  • Tradución dos aplicativos de GNOME:  Como sempre mantemos o nivel de tradución da interface de GNOME ao galego no 100%, incluíndo os novos aplicativos presentados nesta publicación, todos cumprindo cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno.
  • Tradución da documentación base: Nesta publicación baixamos un 1%, ate o 39% da documentación de usuario.

Como obter o último GNOME

O código fonte de GNOME 3.32 está dispoñíbel gratuitamente para descargar e redistribuír, aínda que para a maioría de usuarios é aconsellábel agardar ata que GNOME 3.32 estea dispoñíbel a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus fornecedores. Con todo, na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.

Colabora connosco

Alén do traballo realizado, reiteramos que precisamos axuda no grupo para poder completar máis aplicativos e documentación dos mesmos. Máis agora que a famosa distribución Ubuntu emprega o escritorio GNOME. O cal signifca que agora GNOME conta con unha visibilidade máis importante e precisamos que este escritorio brille como se merece en Galego: traducido ao 100%, sen grallas e con unha tradución consistente.

Se está interesado en axudarnos en calquera das tarefas do grupo a facer GNOME mellor, calquera pode involucrarse en GNOME para axudarnos a mellorar o noso software.


Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: