Publicamos os recursos lingüísticos de GNOME 3.12

Logo da publicación de GNOME 3.12 desde o Grupo de tradución de GNOME ao Galego estamos moi orgullosos de publicar os produtos finais en forma de recursos lingüísticos derivados das traducións de GNOME 3.12 de tal forma que todos os tradutores poidan reaproveitar o noso traballo.

Estes recursos contan cos compendios de tradución Inglés-Galego da interface de usuario e documentación para as versións de GNOME 3.12 en formato pocompendium e TMX.

De seguido podes ollar as estatísticas destacadas:

Estatísticas para GNOME 3.12

Cadeas traducidas Palabras traducidas
Interface de usuario  36881  171094
Documentación  7132  75650

Descarga

Como comentamos antes publicamos as memorias de tradución para a versión 3.12 de GNOME (formatos Po e TMX):

Compendio TMX de GNOME 3.12

Compendio Po de GNOME 3.12

Licenza

Todos os ficheiros están publicados baixo a licenza Creative Commons BY-SA 3.0 co que podes empregalos de forma libre namentres cumpras cos termos da licenza.

Logo da publicación de GNOME 3.8 e aproveitando que a tradución está estabilizada, desde o Grupo de tradución de GNOME ao Galego estamos moi orgullosos de publicar os produtos finais en forma de recursos lingüísticos derivados das traducións de GNOME 3.6 e 3.8 de tal forma que todos os tradutores poidan reaproveitar o noso traballo.

Estes recursos contan cos compendios de tradución Inglés-Galego da interface de usuario e documentación para as versións de GNOME 3.6 e GNOME 3.8 en formato pocompendium e TMX. Con todo, acadamos unhas cifras moi importantes, contando con 294170 palabras traducidas para a versión 3.6 e 299657 na versión 3.8. 

De seguido podes ollar as estatísticas destacadas para cada versión:

Estatísticas para GNOME 3.6

Cadeas Palabras
Interface de usuario 35921 168222
Documentación 9448 125948

Estatísticas para GNOME 3.8

Cadeas Palabras
Interface de usuario 35134 160119
Documentación 10398 139538

Descarga

Como comentamos antes publicamos as memorias de tradución para as versións 3.6 e 3.8 de GNOME (formatos Po e TMX):

Compendio TMX de GNOME 3.8

Compendio Po de GNOME 3.8

Compendio TMX de GNOME 3.6

Compendio Po de GNOME 3.6

Licenza

Todos os ficheiros están publicados baixo a licenza Creative Commons BY-SA 3.0 co que podes empregalos de forma libre namentres cumpras cos termos da licenza.

Grandes novidades para alegrar o día: Ubuntu GNOME foi aceptado oficialmente como membro da familia Ubuntu.

Ubuntu GNOME é un dos sabores cos que contará Ubuntu que ten como misión preservar a base de Ubuntu porén usando só os aplicativos do escritorio GNOME.

Ao obter o estado de ‘sabor’ oficial significa que o proxecto agora benefíciase do  acceso ao soporte de infraestrutura e técnico de Canonical e a comunidade de Ubuntu.

Orixinariamente chamado como ‘GNOMEbuntu’ o proxecto Ubuntu GNOME ten como misión fornecerlle aos usuarios unha experiencia de escriorio GNOME tan ‘pura’ como sexa posíbel en Ubuntu.

A seguinte publicación, agardada para April, estará baseada en GNOME 3.6, porén GNOME 3.8 estará dispoñíbel desde o PPA mantido polo proxecto. Para instalalo deberá executar o seguinte no seu terminal:

sudo add-apt-repository ppa:gnome3-team/gnome3 
sudo add-apt-repository ppa:gnome3-team/gnome3-staging
sudo apt-get update; sudo apt-get dist-upgrade -y

Ou se está interesado en descargar un CD vivo con Ubuntu GNOME pode facelo desde o seguinte enderezo http://cdimage.ubuntu.com/ubuntu-gnome/daily-live/current/

Para ver o anuncio oficial vaia á Rolda de correo de Ubuntu GNOME.

De novo o Proxecto GNOME comprácese en presentar a nova versión de GNOME, a 3.6. Esta última actualización de GNOME 3 representa 6 meses de duro traballo do Proxecto GNOME.

Como xa ven sendo costume o grupo de tradución de GNOME ao galego traballou duro para ter a esta nova versión completamente traducida ao Galego, pero ademais coa sorpresa de contar coa documentación base traducida ao Galego. Desta forma complétase a experiencia de GNOME en Galego por tódolos recunchos. Calquera dúbida que teña un usuario no uso de GNOME poderáo consultar no seu propio idioma.

Desde a última versión , 3.4, aproximadamente 980 persoas fixeron 31500 cambios a GNOME. Das cales perto de 700 son contribucións do grupo de tradución de Galego. Calquera pode involucrarse en GNOME para axudarnos a mellorar o noso software. Se está interesado en traballar en GNOME, pode unirse.

Que hai de novo en GNOME 3.6

GNOME 3.6 ven completo de melloras na interface de usuario. Conta con un gran número de novas funcionalidades, incluíndo a renovada Vista xeral de Actividades, así como melloras na compatibilidade da Accesibilidade e a integración de orixes de entrada para usar diferentes idiomas. Tamén incorpora outras pequenas melloras. En conxunto, todos estes cambios melloran GNOME 3 máis que nunca.

Entre as melloras poderíamos destacar:

  • Bloqueo da pantalla: a nova pantalla de bloqueo é simplemente incríbel. Desde ela pódese ver o que está pasando dentro do noso computador: ver o número de mensaxes pendentes, deter a música, saltar cancións…
  • Vista xeral de actividades: a vista xeral de actividades recolleu moitas melloras de interacción, facéndoa máis centrada no que o usuario quere.
  • Novos servizos de contas en liña: engadíronse novos servizos para integrar co noso escritorio. Posibilidade de configuración automática de Windows Live, o que inclúe correo e documentos de SkyDrive o que lle permite acceder aos documentos deste servizo mediante Documentos como xa viña facéndoo coa súa conta de Google. Ademais integrouse o servizo de autenticación centralizada Kerberos, moi útil para ambientes corporativos (como grandes empresas ou universidades).
  • Nova bandexa de mensaxes: segundo os comentarios e os problemas que remitiron os usuarios, redefiniuse a interacción coa bandexa de mensaxes agora máis intelixente e cun novo xeito de mostrala.
  • Acceso universal: agora a accesibilidade está activada por omisión co que as persoas con calquera deficiencia poderán empregar o seu computador desde o minuto un.
  • E moitas outras máis
Se quere ver unha lista máis detallada das novidades de GNOME olle as notas de publicación (tamén en galego),

Novidades na tradución ao Galego

Estes últimos meses estiveron completos de traballo para no lado do noso grupo de traballo xa que nesta versión hai moitas melloras. Ao inicio deste ciclo, en marzo deste ano, puxémonos como meta ser o primeiro ambiente de escritorio libre en galego que tivera ademais documentación para os seus usuarios en galego. E por outra banda mellorar a calidade das traducións xa feitas. Xa que postos ao traballo así chegaron os froitos:

  • Revisión completa dos aplicativos de GNOME:  temos que darlle as grazas a Leandro Regueiro que armado de pacencia, tesón e boas ferramentas revisou unha revisión completa e profunda dos principais aplicativos de GNOME en galego. Desta forma GNOME agora cumpre cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno Foron máis de 3 semanas revisando de forma altruista o noso ambiente de escritorio.
  • Tradución da documentación base: logo de varios meses de traballo sobre o que os nosos integrantes chaman “a peor parte para traducir”, Fran Diéguez traduciu a documentación base formadas por máis de 65000 palabras para traducir. Polo que agora os usuarios do ambiente de escritorio poderán consultar a axuda no idioma galego.
Como comentábamos anteriormente a tradución dos aplicativos que forman GNOME 3.6 requiriu perto de 700 cambios nos repositorios de GNOME, estándo en varias semanas entre os primeiros no número de contribucións a GNOME.
Darlle especial mención a tódolos contribuidores puntuais e principantes que seguen a mostrar que a tradución de GNOME foi e seguirá sendo traballo de moitos.

Obter o último GNOME

O código fonte de GNOME 3.6 está dispoñíbel gratuitamente para descargar e redistribuír, aínda que para a maioría de usuarios é aconsellábel agardar ata que GNOME 3.6 estea dispoñíbel a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus fornecedores. Con todo na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.

Hoxe presentamos a nova páxina web do Grupo de Localización de GNOME ao Galego. 

Desde a que queremos dar a coñecer o noso traballo, volcar a nosa experiencia nun lugar común e recoller documentación útil para as persoas que queiran colaborar connosco.

A nova páxina web conta con 3 seccións principais, có ánimo de acadar máis colaboradores estábes dentro do grupo de localización.

  • Manuaistrátase dun traballo en curso onde redactamos manuais para que persoas novas e os propios integrantes do grupo teñan uns procedementos de actuación das distintas tarefas do grupo. Desde manuais para principiantes que queiran colaborar connosco até manuais máis avanzados sobre como xerar unha memoria de tradución ou como revisar as traducións de forma automatizada.
  • RecursosCada publicación dunha nova versión de GNOME conleva a xeración de novos recursos, como as memorias de tradución, glosarios terminolóxicos usados entre outros. Aquí recolleremos os denominados “produtos finais” de cada versión así como os recursos precisos para o realizar o noso traballo.
  • Novaspublicaremos novas do grupo e información interesante para calquera usuario de GNOME en galego. Estudiamos realizar algunha entrevista a programadores de GNOME en Galego e poñerlle cara ás persoas que traballan en GNOME desde Galiza.

Agardamos gocedes deste novo sitio para pormos en contacto desenvolvedores e tradutores con usuarios de GNOME en galego.

Hoxe fai 15 anos que un tal Miguel de Icaza presentou o proxecto GNOME… 15 anos máis tarde, persoas, empresas, institucións, asociacións empregan GNOME e as tecnoloxías que se crearon cada día para unha infinidade de propósitos

Felicidades GNOME!!

Aproveitando que a GUADEC (GNOME Users And Developers European Conference) deste ano nos queda ben cerquiña, acercámonos a Coruña para traballar con membros internacionais do GNOME Translation Project.

Participamos no BoF de Tradutores onde entre outras cousas discutimos melloras en Damned Lies, melloras en Gtranslator, unha nova enquisa para os coordinadores das traducións, organización dos módulos de tradución en grupos (a11y, multimedia, dev, core, …).

En definitiva tivemos unha xornada de traballo e planificación moi completa con moi bo ambiente e cun senso de tentar mellorar o Proxecto de Tradución de GNOME incríbel. Ademais foi un pracelo codo con codo con persoas da Alemaña, Francia, Cataluña, República Checa ademais de compañeiros da Galiza.

 

 


 

Hoxe 28 de marzo de 2012, segundo a planificación de publicacións do proxecto GNOME, publícase GNOME 3.4, a primeira versión do Ano da Accesibilidade de GNOME.

Con esta nova versión, GNOME mellora aínda máis a experiencia do usuario con numerosos retoques no tema visual e introducindo novos e modernos aplicativos perfectamente integrados na moderna concepción do escritorio GNOME 3. Ademais fíxose un importante traballo na mellora da accesibilidade deste contorno de escritorio.

E por suposto GNOME 3.4 chega dispoñíbel 100% en galego. Nesta ocasión ademais achégannos o 40% da documentación e o 77% dos aplicativos extras de GNOME tamén en galego.

Como se pode ler nas notas de publicación de GNOME 3.4, esta nova versión chega cargada de melloras e novidades que teñen como resultado un GNOME 3 máis brillante, máis ordenado e máis seguro.

  • Melloras no aspecto, interface e usabilidade dos aplicativos: Neste ciclo de publicación a principal preocupación do proxecto GNOME centrouse nos seus aplicativos. Así, os novos aplicativos publicados na anterior versión 3.2 obtiveron actualizacións importantes para facelos máis limpos e máis doados de usar sen descoidar por suposto ao resto de aplicativos existentes que tamén recibiron unha revisión para que deste modo sexan máis consistentes e estean mellor integrados con GNOME 3. Así por exemplo:
    • Documentos permite agora crear coleccións de documentos e incorpora compatibilidade de impresión.
    • O navegador de GNOME mudou de nome, agora xa non é Epiphany senón Web que ademais inclúe unha barra de ferramentas redeseñada e un «super menú». Tamén ten melloras de rendemento, incluíndo unha navegación do historial máis rápida.
    • Contactos conta agora con novas características, incluíndo suxestións de ligazón de contactos en liña e un novo selector de avatares.
    • A busca dende a vista de actividades inclúe unha nova funcionalidade de busca de documentos que permite buscar en todos os documentos do computador así como aqueles almacenados nas contas en liña.
  • Moitas outras pequenas melloras: as melloras incrementais e a limpeza foi un dos focos máis importantes nesta publicación. O resultado é que GNOME recolleu un gran número de pequenas melloras que achegan un gran incremento na calidade. Grazas á nova iniciativa Cada detalle importa, enfocada na mellora da calidade da vista de actividades, coidáronse moitos pequenos detalles, incluíndo melloras nas etiquetas do iniciador de aplicativos, novas etiquetas de xanelas e títulos, mellor navegación do rato, estilos de texto máis lexíbeis e un «Taboleiro» máis doado de usar.
  • Compatibilidade para videochamadas e «Live Messenger». Empathy, inclúe unha nova interface de chamada de voz e videochamada. Isto fornece unha forma moi boa de facer videochamadas e está completamente integrado en GNOME 3, polo que pode responder de forma doada e rápida ás videochamadas que reciba. Ademais nesta versión incorpora compatibilidade con «Windows Live Messaging» e o chat de Facebook, polo que conversar con amigos é máis doado que nunca.
  • Preferencias do sistema melloradas: revisouse o deseño e disposición dos paneis de configuración das preferencias do sistema.
  • Mellor compatibilidade de hardware: realizáronse esforzos na mellora da compatibilidade e integración de hardware, facendo que GNOME 3 funcione con máis dispositivos hardware e fornecendo unha experiencia máis completa.
  • Melloras en accesibilidade. GNOME 3.4 é a versión máis accesíbel ate a data, con énfase na confiabilidade e usabilidade para todos. GNOME iniciou a campaña de recollida de fondos Amigos de GNOME para impulsar o seu compromiso coa accesibilidade con máis recursos para facer do 2012 o Ano da accesibilidade para GNOME. Esta publicación inclúe importantes melloras nas características de accesibilidade de GNOME entre as que se inclúe:
    • Mellora na integración de Orca. A compatibilidade de GNOME 3 cos lectores de pantalla mellorou o que significa que os usuarios do lector de pantalla Orca agora poden usar GNOME 3 como o seu contorno de computación. Esta integración seguirá desenvolvéndose en futuras publicacións, e recomendámoslle aos usuarios de Orca que nos envíen os seus comentarios.
    • Modo de contraste alto mellorado.
    • Configurar o zoom para axeitarse a vostede : As novas opcións de zoom engadidas permítenlle cambiar o factor de magnificación, o seguimento do rato, a posición da vista magnificada na pantalla e activación de punto de mira para axudarlle a atopar o punteiro do seu rato ou área táctil.

O código fonte de GNOME 3.4 está dispoñible gratuitamente para descargar e redistribuír , aínda que para a maioría de usuarios é aconsellable agardar ata que GNOME 3.4 estea dispoñible a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus provedores. Con todo na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.

Logo varios meses de duro traballo publicouse a nova versión de GNOME 3.2, a primeira versión dende a publicación do innovador contorno GNOME 3.0, co que o proxecto emprendeu unha gran reformulación da interface de usuario para transformarse nunha nova xeración de escritorio modernizado e deseñado tendo presente as novas tecnoloxías e dispositivos de hoxe en día e ás novas necesidades dos seus usuarios. Con esta nova versión, GNOME mellora aínda máis a experiencia do usuario con numerosos retoques no tema visual e introducindo novos e modernos aplicativos perfectamente integrados
na nova concepción do escritorio GNOME 3. Con certo retraso agora publicamos o informe de tradución da versión 3.2 de GNOME ao galego.

O traballo neste ciclo consistiu na tradución e revisión das máis de 40.000 cadeas do núcleo deste contorno de escritorio e na anovación das cadeas en base aos novos consensos que a comunidade de localización galega leva acordado no último ano e medio.

Ademais cabe destacar que o importante incremento na porcentaxe de tradución da documentación, dun 11% no anterior ciclo até o 32% no actual. O cal fai aínda máis doado o uso do escritorio GNOME para os usuarios principiantes por contar con un recurso moi importante no idioma galeg. A día de hoxe o escritorio GNOME é un dos poucos proxectos localizados ao galego con dito nivel de tradución da documentación.

 

Este informe de tradución resume os cambios, melloras e eventos que aconteceron ao longo do último ciclo de tradución. Entre outros puntos o informe relata o proceso de tradución, os cambios no proceso de revisión, estatísticas de número de cadeas traducidas ao longo das versións, capturas de pantalla do estado do proxecto no Damned Lies e finalmente as perspectivas de futuro para os vindeiros ciclos.

Pode descargar o informe de tradución, memorias de tradución en formato TMX e compendios Gettext, ficheiros orixe por aplicativo e demais recursos desde este enderezo.

Co lanzamento da versión 3, o proxecto Gnome dá un enorme salto cualitativo tanto dende o punto de vista tecnolóxico, como dende o punto de vista funcional. Deste xeito, a nova versión representa a nova xeración do escritorio libre por excelencia.

Para difundir a trascendencia deste lanzamento, o vindeiro xoves 28 de abril na aula 3.1 da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, celebraremos a Gnome 3 Lauch Party galega.
Para profundizar axeitadamente en Gnome3, temos preparado o seguinte programa:
  • 18:00 – 18:15    Presentación da GNOME 3 Launch Party Galicia
  • 18:15 – 18:45    Presentación do proxecto GNOME
  • 18:45 – 19:15    Demo de GNOME 3
  • 19:15 – 19:45    GNOME 3  galeguizado
  • 19:45 – 20:00    Sorteo de agasallos entre os asistentes, incluíndo un portátil con GNOME 3!!
A Launch Party galega está sendo organizada pola Asociación Ghandalf en colaboración coas Asociacións Gpul e aAsociación Trasno, contando co patrocinio da Xunta de Galicia a través do Convenio 2011 coas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre.
En base ao programa exposto, percorreremos a interesante historia do proxecto Gnome, amosando as importantes innovacións presentes tras do recente salto xeracional, para a continuación ver en acción o que Gnome 3 nos ofrece, e coñecer de primeira man o intenso traballo da comunidade galega de localización de Gnome, a cal posibilitou que todos nós poidamos disfrutar de Gnome 3 en galego dende o primeiro día.
Para rematar a launch party, repartiremos agasallos entre todos os asistentes. A maiores das camisolas, chapas, tazas, etc. conmemorativas do lanzamento, tamén podes conseguir un portatil con Gnome 3, listo para que poidas empregar a última versión deste exitoso escritorio libre!