Xeración de memorias de tradución

Para a creación de memorias de tradución teremos que seguir o seguinte proceso

Configuración do contorno de traballo

Debemos ter instalado o translate-toolkit, un conxunto de ferramentas que nos permitirá crear e manipular ficheiros de tradución pofiles e convertilos a TMX (as memorias de tradución propiamente ditas).

En sistemas baseados en Debian podemos instalar o preciso do seguinte xeito:

sudo apt-get install translate-toolkit gettext

Descarga dos recursos

Para a simplificación da creación das memorias de tradución empregaremos os recursos que o Proxecto GNOME nos fornece. Neste caso o Damned Lies, software de tracking das traducións do GNOME, permite facer un exportado completo por versión das traducións dos distintos módulos do Escritorio GNOME.

Empregaremos neste caso o compendio de traducións para o GNOME 3.0 que podemos descargar desde o enderezo [1] ou visitando a páxina web [2] e premendo na ligazón ao final da páxina “Descargar todos os ficheiros po”

Para obter máis información visite: [3]

Creación dos compendios desde os pofiles

Para poder xerar un único ficheiro TMX deberemos unir tódolos ficheiros pofile que descargamos anteriormente polo que empregaremos a ferramenta pocompendium dispoñíbel no translate-toolkit.

Pode obter máis información do uso do pocompendium na seguinte ligazón [4]. Co que ao final que teremos que executar será:

pocompendium gnome-3-0-ui.compendium.po ui/*.po

Isto creará un ficheiro pofile co nome gnome-3-0-ui.compendium.po

Procederemos á limpeza do mesmo (eliminación de comentarios) coa ferramenta poclean:

poclean gnome-3-0-ui.compendium.po -o gnome-3-0-ui.compendium.clean.po                                                                         
processing 1 files...
[###########################################] 100%

E finalmente faremos unha verificación do mesmo coas ferramentas de gettext comúns.

msgfmt -vc gnome-3-0-ui.compendium.clean.po                                                                                                        
34887 mensaxes traducidas, 882 traduccións difusas.

Este ficheiro serve xa como memoria de tradución a empregar en diversos aplicativos de tradución. Porén o máis idóneo é fornecer unha versión en formato TMX xa que é o estándar no intercambio de memorias de tradución e dende o cal calquera persoa pode consultar sen obter problemas no proceso.

Creación da memoria de tradución en formato TMX

Para a creación da memoria de tradución (formato final) empregaremos a orde po2tmx contida dentro do paquete translate-toolkit anteriormente descrito.

po2tmx --language=gl gnome-3-0-ui.compendium.clean.po gnome-3-0-ui.translations.tmx                                                            
processing 1 files...
[###########################################] 100%

Pode obter máis información de uso da orde po2tmx na seguinte ligazón [5].