Guía de localización reducida

O obxectivo da guía de estilo é establecer as normas que se aplican nas nosas localizacións de software. É un recurso que se complementa co corpus lingüístico do OpenOffice.org, permitindo así garantir a coherencia nas traducións entre programas.

Nesta guía entenderemos por Norma, as prescricións académicas e institucionais que en materia de lingua proporciona a Real Academia Galega tanto no seu Dicionario da Real Academia Galega (edición de 1997) coma a través das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (edición de 2003).

Resumo da Guía de estilo para a tradución de programas

Opcións Normativas

Para evitar a alternancia normativa naqueles casos en que a Norma permite alternancia entre dúas formas: -bel/ble, -aría/ería, ca o/có, etc. establécense as seguintes opcións como preferidas para esta guía de estilo.

Prefírese En detrimento de

Uso da primeira forma do artigo

abrimos o ficheiro

Uso da segunda forma do artigo

abrímo-lo ficheiro

Representación da contracción da preposición a + o(s): ao

Diríxase ao fornecedor

Representación da contracción da preposición a + o(s): ó

Diríxase ó fornecedor

Sufixo -bel (<BILIS)

formatábel, editábel, arquivábel, factíbeis

Sufixo -ble (<BILIS)

formatable, editable, arquivable, factible

Sufixo -aría

libraría, consellaría, hostalaría

Sufixo -ería

librería, consellería, hostalería

Separación da partícula comparativa ca e o artigo determinado o(s), a(s)

maior ca o/a anterior

Contracción da partícula comparativa ca e o artigo determinado o(s), a(s)

maior có/cá anterior

Lembre: os signos de interrogación e exclamación incluiranse só ao final da frase

Que acción quere realizar?

As formas verbais

O diálogo co computador

En xeral, empregarase o infinitivo salvo cando se trate dunha mensaxe de comunicación do ordenador de cara ao usuario. A continuación expóñense exemplos de casos concretos.

  • Cando é o usuario quen se dirixe ao computador:
    Texto para traducir Prefírese En detrimento de
    Delete file Eliminar o ficheiro Elimina o ficheiro
    Close Pechar Pecha
    Insert image Inserir unha imaxe Insire imaxe
  • Cando é o computador quen se dirixe ao usuario:
    Texto para traducir Prefírese En detrimento de
    I can’t open file Non é posíbel abrir o ficheiro Non podo abrir o ficheiro
    Can not save preference Non é posible gardar as preferencias Non puiden gardar as preferencias

Se é o computador quen se dirixe ao usuario cunha función puramente informativa deberemos utilizar a forma impersoal.

Noutros casos adoita tratarse de instrucións, cuestións, indicacións… dirixidas ao usuario, polo debemos utilizar a correspondente forma de tratamento de respecto (vostede): seleccione unha opción.

Texto para traducir Prefírese En detrimento de
Select an option Seleccione unha opción Seleccionar unha opción
Replace existing file? Desexa substituír o ficheiro existente? Desexas substituír o ficheiro existente?
Insert a blank CD into the drive Insira un CD en branco na unidade Insire/Inserir un CD en branco na unidade
The CD-ROM drive %s is empty. Insert a blank, recordable (CD-R) or rewritable (CD-RW) CD in the drive, and then click Retry. A unidade de CD-ROM %s está baleira. Insira un CD en branco, gravable (CD-R) ou regravable (CD-RW) na unidade e prema ‘Repetir’. A unidade de CD-ROM %s está baleira. Inserir un CD en branco, gravable (CD-R) ou regravable (CD-RW) na unidade e premer ‘Repetir’.

Aínda así, parece razoable que certo tipo de textos manteñan o tratamento en segunda persoa do singular ti, sobre todo naquelas aplicacións que teñen a infancia como potenciais usuarios: Escribe o texto no recadro, Queres substituír o ficheiro existente?

  • Textos en menús:
    En xeral, empregarase o infinitivo salvo nos menús Formato, Ventá, Ficheiro …

    Texto para traducir Prefírese En detrimento de
    Edit Editar Edición
    Format Formato Formatar

Orde e tamaño das frases

Texto para traducir Prefírese En detrimento de
More than one item must be on this track Esta pista debe ter máis dun elemento. Máis dun elemento debe existir nesta pista.
Two different DV devices cannot be selected. Non se poden seleccionar dous dispositivos DV Dous dispositivos DV non poden ser seleccionados.

Debemos evitar algúns procedementos de redución moi habituais en inglés como:

  • Prescindir do verbo principal da frase.
    Texto para traducir Prefírese En detrimento de
    Continue? Quere continuar? Continuar?
    Error Atopouse un erro. Erro.
  • Prescindir dos artigos en contextos en que son habituais en galego.
    Texto para traducir Prefírese En detrimento de
    Downloading message Estase descargando a mensaxe Estase descargando mensaxe.
    Stop Search Deter a busca Deter busca
    Invert Selection Inverter a selección Inverter selección.

Pola contra, o inglés é, en comparanza co galego, gramaticalmente redundante na utilización de determinadas formas, como os posesivos e os pronomes que explicitan o suxeito. Por iso, só os empregaremos cando haxa posibles dúbidas sobre a propiedade do elemento de que se está a falar, ou sobre o suxeito da acción do verbo.

Texto para traducir Prefírese En detrimento de
Type a name for your movie. Escriba un nome para o filme. Escriba un nome para o seu filme.
Do not add copy protection to your music. Non engadir protección de copia á música. Non engadir protección de copia á súa música.
What kind of network do you use? Que tipo de rede utiliza? Que tipo de rede utiliza vostede?

A conxugación verbal

Cómpre evitar o uso de ter + participio para traducir o haber + participio do castelán ou o to have + participio do inglés. No seu lugar débense usar os tempos simples correspondentes.

Texto para traducir Prefírese En detrimento de
Capture has completed successfully. A captura finalizou con éxito. A captura ten finalizado con éxito.
No changes have been made. Non se fixo ningún cambio. Non se ten feito ningún cambio.
Guardar en el caché los documentos que hayan expirado. Gardar na caché os documentos que caducaran. Gardar na caché os documentos que teñan caducado.
The playlist you have chosen… A lista de reprodución que escolleu… A lista de reprodución que ten escollido…

As construcións pasivas

A construción pasiva en inglés adoita ser moito máis frecuente ca en galego. Débese buscar sempre a forma de expresión que sexa máis frecuente en galego, aínda que iso implique facer unha tradución máis libre da secuencia orixinal.

Texto para traducir Prefírese En detrimento de
The file couldn’t be opened Non se puido abrir o ficheiro O ficheiro non puido ser aberto
The operation is not supported by the service provider O fornecedor de servizo non soporta a operación A operación non é soportada polo fornecedor de servizo
Your signature is not displayed Non se visualiza a súa sinatura A súa sinatura non é visualizada

A expresión do futuro

En galego, o futuro exprésase fundamentalmente por dúas vías:

  • através dunha forma plena: farei, farás, fará…
  • a través dunha perífrase: haber (de) + infinitivo (hei (de) facer, has (de) facer, ha (de) facer…) e ir + infinitivo (vou facer, vas facer, vai facer…)

Sempre que sexa posible, deberase optar pola forma plena.

Texto para traducir Prefírese En detrimento de
you will have to restart the computer… terá que reiniciar o computador… haberá de desconectar o computador…
the server you will connect to. o servidor co que establecerá a conexión … o servidor co vai establecer a conexión …
will attempt to configure… intentará configurar… ha intentar configurar… ou …vai intentar configurar…

O xerundio

De entre os usos máis habituais do xerundio debemos vixiar e evitar os dous seguintes:

  • Aqueles en que a acción expresada polo xerundio é posterior á representada polo verbo principal (chamados tamén de “xerundio de posterioridade”).
    Texto para traducir Prefírese En detrimento de
    you investigate the problems, then clicking Error… investiguen os problemas, e escollan despois ‘Detalles do erro’… investiguen os problemas, escollendo despois ‘Detalles do erro’…
  • Aqueles en que o xerundio funciona como un adxectivo que especifica o significado dun substantivo (chamados tamén de “xerundio especificativo”).
    [Normalmente poden substituírse por “que + verbo en forma persoal”.]

    Texto para traducir Prefírese En detrimento de
    Allows printing to the selected
    printers while not connected.
    Permite a impresión nas impresoras seleccionadas mesmo nas que non están conectadas. Permite a impresión nas impresoras seleccionadas mesmo non estando conectadas.

As negacións

O uso de algún como forma de resaltar unha dobre negación é incorrecto. En galego, ese tipo de dobres negacións constrúense usando “ningún”.

Texto para traducir Prefírese En detrimento de
No device detected.

Non se detectou ningún dispositivo.

ou

Non se detectou dispositivo ningún.

Non se detectou dispositivo algún.

Cantidades

O galego marca as unidades de millar con punto (.) e os decimais con coma (,) mentres que o inglés elixe a opción inversa.

Texto para traducir Prefírese En detrimento de
This would fit on a 1.44MB floppy. Un disquete de 1,44 MB ten capacidade suficiente. Un disquete de 1.44 MB ten capacidade suficiente.
The size must be between 50 KB to 20,000 KB. O tamaño ten que estar entre 50 KB e 20.000 KB. O tamaño ten que estar entre 50 KB e 20,000 KB.

Excepción: á hora de grafar as versións dos programas informáticos: neste caso concreto está asentado un uso idéntico ao do inglés.

Texto para traducir Prefírese En detrimento de
OpenOffice.org 2.0 OpenOffice.org 2.0 OpenOffice.org 2,0

Uso de carácteres especiais latinos

Lembra que en galego só é correcto empregar os seguintes caracteres latinos:

Texto para traducir Prefírese En detrimento de
Unable to find the «page» Non é posíbel atopar a «páxina» Non é posíbel atopar a “páxina”
Loading file… Cargando o ficheiro… Cargando o ficheiro…

Para escribir ditos caracteres siga as seguintes instrucións:

  • Para o caracter «: prema AltGr+z
  • Para o caracter »: prema AltGr+x
  • Para o caracter : prema Ctrl+Maiús+u logo do cal aparecerá unha u subliñada, escriba a secuencia 2026 e prema Intro