O Proxecto GNOME comprácese en presentar a nova versión de GNOME, a 3.28, completamente traducido ao galego polo noso Grupo de traducion de GNOME ao galego. Esta nova publicación ven cargada de novidades no software e tamén dun gran traballo de tradución, xa que mantemos o nivel de tradución da interface no 100%.
GNOME 3.28 é a última versión de GNOME 3, resultado de 6 meses de duro traballo da comunidade de GNOME. Contén importantes características novas, así como de pequenas melloras e arranxos de erros. En total, esta publicación incorpora 28459 cambios realizados por 753 contribuidores aproximadamente.
Que hai de novo en GNOME 3.28?
GNOME 3.28 continúa o traballo das publicacións anteriores, coa mellora e inclusión de novos aplicativos, que conforman un ambiente de escritorio integrado e coherente no seu conxunto, facendo o seu uso máis doado e intuitivo.
Entre as melloras poderíamos destacar:
Escolle os teus favoritos
En Ficheiros, agora é posíbel marcar como favoritos ficheiros e cartafoles. En canto os engada, os elementos marcados serán visíbeis de forma doada nunha localización especial que pode abrir desde a barra lateral.
Melloras na organización persoal
En Reloxos, agora é posíbel engadir o fuso horario UTC aos seus reloxos mundiais; Contactos agora permítelle ordenar tanto por apelido como por nome. Tamén ten una nova xanela de atallos e un conxunto de melloras de interface; A vista mensual de Calendario foi mellorada. Os eventos móstranse dunha forma máis doada de ler, e agora é posíbel expandir de forma axeitada as celas que superpoñen eventos…
Máis cousas bonitas
GNOME 3.28 ven cargado de cousas bonitas! Primeiro, e o máis importante, o tipo de letra por omisión da interface de GNOME (chamada Cantarell) conta con unha actualización importante. As formas de caracteres e espazado evolucionaron, polo que o texto será máis lexíbel e atractivo. Engadíronse varios novos pesos — negriña lixeira e extra — que se usan para producir interfaces que son tanto modernas como bonitas.
Entre as outras cousas bonitas que inclúe GNOME están unha colección de fondos de escritorio, que foi actualizada para incluír un conxunto de fotografías visualmente atractivas, así como unha selección de fotos de perfil, que foi completamente actualizada con novas imaxes que pode seleccionar.
Características multimedia e de entretemento
A xestión multimedia e de entretemento foi mellorada en GNOME 3.28. Moitos destes cambios están en Fotos, o cal obtivo a nova característica de importado desde dispositivo, que fai máis doado engadir fotos á súa colección desde un dispositivo removíbel, como tarxetas SD e unidades USB. Esta característica detecta automaticamente os dispositivos que conteñen novas imaxes e tamén lle permite organizar as novas imaxes en álbums mentres os importa. Entre outras melloras en Fotos están as novas ferramentas de edición para sombras e realces e melloras de rendemento.
Novo aplicativo «Uso»
Uso é un novo aplicativo de GNOME que foi introducido en 3.28 como una vista previa da tecnoloxía. O novo aplicativo foi redeseñado para facer máis doado diagnosticar e resolver problemas de rendemento e capacidade. A versión inicial inclúe funcións para examinar o consumo de CPU e memoria. As áreas problemáticas reálzanse, facendo rápido e doado identificar a orixe dos problemas.
A vista previa de Uso tamén mostra o uso do disco. A interface para isto realza os orixes de uso de disco común que poden limparse, como o lixo e os ficheiros temporais.
Novidades na tradución ao Galego
Este ciclo supuxo unha continuación do traballo iniciado na anterior publicación.
- Tradución dos aplicativos de GNOME: Como sempre mantemos o nivel de tradución da interface de GNOME ao galego no 100%, incluíndo os novos aplicativos presentados nesta publicación, todos cumprindo cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno.
- Tradución da documentación base: Nesta publicación avanzamos no completado da documentación de usuario, ate perto do 40%.
Como obter o último GNOME
O código fonte de GNOME 3.28 está dispoñíbel gratuitamente para descargar e redistribuír, aínda que para a maioría de usuarios é aconsellábel agardar ata que GNOME 3.26 estea dispoñíbel a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus fornecedores. Con todo, na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.
Colabora connosco
Alén do traballo realizado, reiteramos que precisamos axuda no grupo para poder completar máis aplicativos e documentación dos mesmos. Máis agora que a famosa distribución Ubuntu emprega o escritorio GNOME. O cal signifca que agora GNOME conta con unha visibilidade máis importante e precisamos que este escritorio brille como se merece en Galego: traducido ao 100%, sen grallas e con unha tradución consistente.
Se está interesado en axudarnos en calquera das tarefas do grupo a facer GNOME mellor, calquera pode involucrarse en GNOME para axudarnos a mellorar o noso software.
Axudanos a facer GNOME en Galego mellor
O Proxecto GNOME comprácese en presentar a nova versión de GNOME, a 3.12, completamente traducido ao galego. Esta nova publicación ven cargada de novidades no software e tamén dun gran traballo de tradución, xa que mantemos o nivel de tradución da interface no 100% e aínda que retrodecemos na tradución da documentación.
3.12 é o resultado de 6 meses de traballo do Proxecto GNOME por enriba dun millar de persoas. Cun gran enfoque en mellorar a experiencia de usuario e coa presentación de novos aplicativos.
Se está interesado en axudarnos a facer GNOME mellor, calquera pode involucrarse en GNOME para axudarnos a mellorar o noso software.
Que hai de novo en GNOME 3.12
GNOME 3.12, grazas a estudos de usabilidade e a integración de novos elementos de interface en todos os aplicativos segue na mellora da súa interface de usuario. Ademais realizáronse moitas pequenas melloras en todo o ambiente de escritorio logo da conversa con usuarios. En conxunto, todos estes cambios fan de GNOME 3 un escritorio aínda mellor.
Entre as melloras poderíamos destacar:
- Melloras na interface: elementos como as novas xanelas emerxentes «popovers», diálogos de usuario, preferencias e asistentes completamente novos e integrados por todo os aplicativos resultan nunha experiencia moito máis pulida e de alta calidade.
- Melloras na compatibilidade con pantallas de alta resolución: A compatibilidade con pantallas de alta resolución foi engadida por primeira vez en 3.10. Isto fornece compatibilidade para pantallas de alta resolución en gran parte de GNOME 3. Desde entón, esta característica foi estendida para incluir todos os aspectos da experiencia principal de GNOME 3, incluíndo a Vista de actividades, a barra superior, a pantalla de bloqueo e os diálogos de sistema.
- Integración da nube ampliada: O camiño de integrar GNOME 3 con servizos na nube continúa en 3.12. Unha das principais características novas desta versión é a introdución da integración con Google Cloud Print. Isto permítelle imprimir desde GNOME en impresoras que estean conectadas ao servizo de Google Cloud Print. Tamén lle permite engadir documentos a Google Drive. Ademais engadíronse outras integracións coa nube como: a integración con Pocket a Videos, Fotos con Facebook e Flickr para cambiar o fondo de escritorio.
- Novos aplicativos: GNOME 3.12 inclúe tres novos aplicativos en vista previa:Polari, Gravadora de son e Rexistros. Todos estes aplicativos en vista previa son moi novos e son publicados por primeira vez co propósito de levar a cabo probas e recoller comentarios dos usuarios. Para obter máis información olle en Aplicativos novos e actualizados.
- E moitas outra cousas
Novidades na tradución ao Galego
Este ciclo supuxo unha continuación do traballo iniciado na anterior publicación.
- Tradución dos aplicativos de GNOME: Como sempre mantemos o nivel de tradución da interface de GNOME ao galego no 100%, incluíndo os novos aplicativos presentados nesta publicación, todos cumprindo cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno.
- Tradución da documentación base: Fran Diéguez segue a traduciu a documentación base formadas por máis de 65000 palabras para traducir e mellorando a anterior. Debido a que unha gran cantidadade da documentación foi rescriba e os escasos recursos humanos que dispomos lamentabelmente nesta publicación 3.12 baixamos do 50% ao 43% da tradución na documentación.
</div<
Como obter o último GNOME
O código fonte de GNOME 3.12 está dispoñíbel gratuitamente para descargar e redistribuír, aínda que para a maioría de usuarios é aconsellábel agardar ata que GNOME 3.12 estea dispoñíbel a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus fornecedores. Con todo, na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.
De novo o Proxecto GNOME comprácese en presentar a nova versión de GNOME, a 3.8. Esta última actualización de GNOME 3 representa 6 meses de duro traballo do Proxecto GNOME.
Esta nova publicación ven cargada de novidades no software e tamén dun gran traballo de tradución, xa que mantemos o nivel de tradución da interface no 100% e estendémolo a tradución da documentación a máis módulos, chegando ao 48%.
3.8 é o resultado de 6 meses de traballo do Proxecto GNOME e contén 35936 contribucións de aproximadamente 960 persoas. Onde se puxo un especial enfoque en pulir os pequenos problemas e facer o sistema máis consistente.
Se está interesado en axudarnos a facer GNOME mellor, calquera pode involucrarse en GNOME para axudarnos a mellorar o noso software.
Que hai de novo en GNOME 3.8
GNOME 3.8, como o seu predecesor, ven completo de melloras na interface de usuario. Conta con un gran número de novas funcionalidades, incluíndo unha Vista xeral de Actividades máis potente e pulida, a integración total das orixes de entrada para usar diferentes idiomas e tamén incorpora outras pequenas melloras. En conxunto, todos estes cambios fan de GNOME 3 un escritorio aínda mellor.
Entre as melloras poderíamos destacar:
- Vista xeral de actividades: mellorouse aínda máis a forma de buscar elementos no seu computador. Agora a vista de actividades pode buscar ficheiros no seu computador, paneis de preferencias e contactos, ademais da tradicional busca de aplicativos instalados.
- Privacidade e compartición: Como parte do obxectivo de protexer a privacidade dos nosos usuarios, 3.8 inclúe un conxunto de preferencias de privacidade e compartición, as cales lle permiten controlar quen accede ao contido no seu computador, canta información persoal se mostra na pantalla e que características que vixían a súa actividade están activadas.
- Renderizado de animacións mellorado: GNOME 3.8 obtivo un progreso tecnolóxico significativo na forma que os gráficos animados se renderizan. Ao mellorar a coordinación entre os compoñentes responsábeis de mostrar gráficos animados, acadouse unha incríbel mellora de eficiencia e rendemento.
- Detalles: inclúese un gran número de pequenos arranxos e melloras. Arranxáronse moitos detalles para fornecer unha experiencia máis pulida. Destacamos a inclusión de as novas transicións animadas, melloras visuais e arranxos de usabilidade. Algunhas destas melloras foron parte da iniciativa “Cada detalle importa”, que arranxou perto de 60 erros durante o ciclo de desenvolvemento de 3.8.
- Modo clásico: Para todos aqueles que votan de menos o modo de experiencia de escritorio tradicional de GNOME 2, en 3.8 engadiuse de volta construído completamente con tecnoloxías de GNOME 3.
- E moitas outras máis
Novidades na tradución ao Galego
Este ciclo supuxo unha continuación do traballo iniciado na anterior publicación. Grazas a este traballo alcanzamos o 48% da documentación traducida ao galego.
- Tradución dos aplicativos de GNOME: Como sempre mantemos o nivel de tradución da interface de GNOME ao galego no 100%. Seguimos a cumprir cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno.
- Tradución da documentación base: Fran Diéguez segue a traduciu a documentación base formadas por máis de 65000 palabras para traducir e mellorando a anterior. Acadamos nesta publicación 3.8 un 48% da tradución, porén agardamos que na versión de revisión, que se publicará nun mes, academos o 50%.
Galician translations for GNOME 3.8
Como obter o último GNOME
O código fonte de GNOME 3.8 está dispoñíbel gratuitamente para descargar e redistribuír, aínda que para a maioría de usuarios é aconsellábel agardar ata que GNOME 3.8 estea dispoñíbel a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus fornecedores. Con todo, na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.
Logo varios meses de duro traballo publicouse a nova versión de GNOME 3.2, a primeira versión dende a publicación do innovador contorno GNOME 3.0, co que o proxecto emprendeu unha gran reformulación da interface de usuario para transformarse nunha nova xeración de escritorio modernizado e deseñado tendo presente as novas tecnoloxías e dispositivos de hoxe en día e ás novas necesidades dos seus usuarios. Con esta nova versión, GNOME mellora aínda máis a experiencia do usuario con numerosos retoques no tema visual e introducindo novos e modernos aplicativos perfectamente integrados
na nova concepción do escritorio GNOME 3. Con certo retraso agora publicamos o informe de tradución da versión 3.2 de GNOME ao galego.
O traballo neste ciclo consistiu na tradución e revisión das máis de 40.000 cadeas do núcleo deste contorno de escritorio e na anovación das cadeas en base aos novos consensos que a comunidade de localización galega leva acordado no último ano e medio.
Ademais cabe destacar que o importante incremento na porcentaxe de tradución da documentación, dun 11% no anterior ciclo até o 32% no actual. O cal fai aínda máis doado o uso do escritorio GNOME para os usuarios principiantes por contar con un recurso moi importante no idioma galeg. A día de hoxe o escritorio GNOME é un dos poucos proxectos localizados ao galego con dito nivel de tradución da documentación.
Este informe de tradución resume os cambios, melloras e eventos que aconteceron ao longo do último ciclo de tradución. Entre outros puntos o informe relata o proceso de tradución, os cambios no proceso de revisión, estatísticas de número de cadeas traducidas ao longo das versións, capturas de pantalla do estado do proxecto no Damned Lies e finalmente as perspectivas de futuro para os vindeiros ciclos.
Pode descargar o informe de tradución, memorias de tradución en formato TMX e compendios Gettext, ficheiros orixe por aplicativo e demais recursos desde este enderezo.
Benvidos ao futuro. Benvidos á nova versión do GNOME 3.0!
GNOME 3.0 é un fito moi importante na historia do Proxecto GNOME. Esta publicación introduce un novo paradigma no escritorio deseñado para os usuarios de hoxe en día e adaptado a un maior rango de dispositivos de computación.
As tecnoloxías de desenvolvemento de GNOME foron melloradas substancialmente nesta publicación 3.0. Modernizadas e racionalizadas, permitirá aos desenvolvedores fornecer unha mellora experiencia de usuario con menos tempo e esforzo. Ademáis GNOME 3.0 ven cos mesmos aplicativos de GNOME que os usuarios coñecen e nos que confían, a maioría dos cales recibiron importantes melloras.
Novidades no desenvolvemento
A versión 3.0 de GNOME introduce un novo escritorio. Elegante e bonito, foi deseñado para permitirlle ás persoas facer as cousas de forma sinxela, confortabel e baixo control. O escritorio 3.0 é a continuación do enfoque do Proxecto GNOME en fornecer un contorno de escritorio sinxelo de usar por todos. Esta versión inclúe unha gran cantidade de novas características.
Pode obter máis información sobre o escritorio de GNOME 3, incluíndo demostracións en vídeo, no sitio web específico de GNOME 3.
Novidades na tradución
En referencia á tradución, o Equipo de Tradución ao Galego do GNOME non quixo deixar de aproveitar o impulso e incríbel traballo dos desenvolvedores nesta publicación para tamén darlle un importante pulo ás traducións:
- Facendo, como xa é costume, que o idioma Galego sexa dos primeiros en ter completada a tradución.
- Mellorando a calidade das tradución mediante revisións ortográficas, técnicas e finalmente contextuais das traducións de tódolos aplicativos.
Podedes botar unha ollada ao noso traballo diario nas seguintes ligazóns:
- http://wiki.trasno.net/GNOME/Verificaci%C3%B3n/Verificaci%C3%B3n_con_Posieve_en_GNOME_3.0
- http://wiki.trasno.net/GNOME/3.0/Traduci%C3%B3n (diario non completo)
- http://l10n.gnome.org/teams/gl
Agradecementos
Esta publicación non puido ser posíbel sen o intenso traballo e adicación da comunidade GNOME. Parabéns e grazas a todos os que o fixeron realidade. Finalmente eu, Fran Diéguez, como coordinador da tradución ao Galego quixera darlle unha especial mención neste caso aos que axudaron na tradución e apoiaron a mesma.
- Miguel Bouzada
- Darío Villar Veres
- Gonçalo Cordeiro
- Leandro Regueiro
e en xeral ao Proxecto Trasno grazas ao cal estamos facendo que os principais proxectos de Software Libre estean, tamén, na nosa ben querida lingua, lucindo con traducións harmonizadas e corrixidas.
Desde o grupo de tradutores de GNOME ao galego vimos de colaborar na publicación do GNOME 2.32 seguindo a planificación de desenvolvemento de GNOME. Trátase da última versión do escritorio GNOME da rama 2.x para a que de agora en diante só se publicarán versión de mantemento. Estamos moi ilusionados xa que este supón o último paso para chegar á esperada GNOME 3.0 que agardamos ter lista para abril de 2011
Como xa ven experimentando desde fai algunhas versións de GNOME, GNOME 2.32 atópase traducida ao 100% ao galego grazas ao todos os compoñentes da nosa pequena máis intensa comunidade de voluntarios de tradución ao galego de GNOME. Desde aquí queremos destacar o traballo de colaboración de Marcos Lans, Carlos Real e aos asistentes ao Curso de Localización de Software Libre da USC polo seu esforzo.
Un dos puntos máis salientábeis e novidosos desta publicación é que agora cóntase co 10% da axuda ao usuario traducida. GNOME está experimentando grandes cambios tecnolóxicos internos o que se reflicte na creación dunha nova documentación. Desde o grupo de tradución ao Galego de GNOME non quixemos deixar de aproveitar esta oportunidade e xa estamos levando a cabo o proceso de tradución desta nova documentación.
Animámosvos a que colaboredes con esta laboura contactando co gupo a través da rolda de correo de tradución ao galego de GNOME ou a través do Proxecto Trasno, do que formamos parte a meirande parte dos proxectos de tradución ao galego de Software Libre.
O escritorio GNOME 2.32 vén, como en cada nova versión, con características novas, melloras, solucións a erros e traducións, se ben é certo que GNOME 2.32 non presenta unha gran cantidade de novas funcionalidades nos aplicativos xa que os desenvolvedores de GNOME continúan enfocando o seu traballo na preparación da vindeira versión GNOME 3.0.
Ademais tamén foron traducidas as notas de publicación de GNOME 2.32 polo que todos os que esteades interesados en ver as características máis interesantes de cara ao usuario podedes velas desde alí.