Primeiros pasos na tradución

Acabas de chegar e non tes ningunha información sobre como colaborar. Neste manual aprenderás a dar os primeiros pasos para integrarte no grupo de forma moi doada. Para poder traballar no Grupo de tradución de GNOME ao galego precisas facer só dúas cousas:

  1. Crear unha conta de usuario no «Damned Lies», o noso sistema de control de traducións
  2. Subscribirte á rolda de correo

Crear unha conta de usuario en «Damned Lies»

A descrición rápida e doada de «Damned Lies» poderíase facer como un sitio web do cal:

  1. Obter estatísticas e estado actual das traducións: Poderás saber se as traducións están completas, e en caso contrario saber que módulos precisan completarse.
  2. Descargar os ficheiros para traducir: Para poder traducir ou completar un aplicativo precisamos descargar un ficheiro que editaremos cun programa especial.
  3. Subir os ficheiros completados: Ao completar os ficheiros que descargaches anteriormente debes subilos de novo ao sistema.

Polo tanto como ves é moi importante creares unha conta de usuario no «Damned Lies». Para iso accede ao seguinte enderezo (http://l10n.gnome.org/teams/gl/). Na esquina superior esquerda verás unha ligazón «Iniciar sesión»

Ao acceder á nova páxina busca por unha ligazón co nome «Rexistro». Logo mostrarase un formulario que deberás completar co teu nome de usuario (un alcume sen espazos e só con letras e números), o teu correo electrónico e o teu contrasinal desexado. Ao enviar o formulario recibirás un correo electrónico coa información de acceso á túa conta. Nos recibiremos outro correo electrónico para aceptar que formes parte do noso grupo.

Subscribirse á rolda

Para podermos manter unha conversa fluída, xestionar os erros de forma rápida ou organizármonos para repartir o traballo. Para isto dentro do grupo empregamos as roldas de correo.

As roldas de correo estan formadas por un enderezo de correo electrónico ao que enviar mensaxes para que logo sexa reenviado a tódolos usuarios subscritos a dita rolda. Normalmente tamén contan con unha páxina web asociada desde a que poder ver un histórico das mensaxes enviadas.

Dito isto, a rolda de correo electrónico do Grupo de localización de GNOME ao galego está accesíbel desde o seguinte enderezo http://mail.gnome.org/mailman/listinfo/gnome-gl-list.

Para subscribirse á rolda conta con un formulario na mesma páxina:

Logo de enviar o formulario recibirá un correo de confirmación e trala súa aceptación recibirá todas as mensaxes enviadas á rolda.